Bueu prepárase para dar paso á Administración Electrónica

17.07.2016

Bueu, xulio do 2016.- O Concello de Bueu vén de dar comezo ao período de formación das súas traballadoras e traballadores con vistas á posta en marcha da iniciativa local de Administración Electrónica. O proceso de adaptación á nova contorna dixital (que fornecerá máis transparencia e comunicación e máis facilidade e eficacia nos procedementos coa veciñanza) comezou este xoves da man da empresa Auloce, encargada da xestión do proxecto de eAdministración, unha achega coa que o Concello de Bueu quere adaptarse plenamente á Lei 11/2007 do 22 xuño, de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos.
Segundo informa o Concello, o persoal técnico de Auloce está a explicar aos traballadores municipais, tanto en grupo como individualmente, o funcionamento da plataforma electrónica que se compón de tres módulos: o de xestión administrativa (rexistro de entradas e saídas, rexistro de facturas, dixitalización, sinatura electrónica, catálogo de procedementos, xestión documental, arquivo e conservación, aplicacións para dispositivos móbiles e libros oficiais electrónicos, o de sede electrónica (taboleiro de anuncios, perfil do contratante, verificación de documentos electrónicos, consulta de expedientes, notificacións electrónicas, pago telemático, portal de transparencia), e o módulo de interoperabilidade (integración dos sistemas, plataformas, aplicacións e ferramentas propias do concello alleas á organización).
A inclusión da Administración Electrónica, engade o Concello, “posibilitará un mellor acceso á documentación tanto a nivel interno como para facilitar os trámites da cidadanía”.

Vexa a noticia aquí